Sunday 05 de May de 2024

Inés Rey destaca no 010 a importancia de que a cidadanía teña acceso a unha información veraz e inmediata


 

A alcaldesa e o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, visitaron esta mañá as oficinas deste servizo gratuíto do concello en que a demanda de información sobre os efectos da pandemia acaparou un 70% do total das chamadas
A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local,
José Manuel Lage, visitaron esta mañá as oficinas do servizo telefónico gratuíto do
concello, 010, onde a rexedora destacou a importancia de que a cidadanía teña
acceso a unha información veraz e inmediata. Neste tempo de confinamento, a
demanda de datos sobre os efectos da pandemia supuxo un 70% do total das
consultas. En concreto, o persoal atendeu en marzo a 47.389 chamadas, 5.249
máis con respecto ás que respondera en 2019. Na segunda quincena, cando se
decretou o estado de alarma, o 010 contestou o teléfono 26.099 veces, 5.809 máis
que nas dúas primeiras semanas en que se produciron 20.290 chamadas.
Segundo as cifras rexistradas desde o pasado 14 de marzo, as operadoras e
operadores resolveron dúbidas sobre os desprazamentos que están autorizados; o
servizo de voluntariado que se activou desde Benestar Social para comprar
produtos de primeira necesidade; e os casos de emerxencia social, en que traballan CIM (Centro de Información da Muller), o servizo de canguraxe e o COF (Centro de
Orientación Familiar). Outras cuestións que se repetiron foron as relacionadas coa
necesidade de alimentos e o pago de alugueiros. Ademais, a cidadanía tamén
solicitou información acerca de axudas como os comedores sociais e o talón
restaurante, as bolsas de comedor ou como solicitar menús para recoller ou levar ao
domicilio.

Tamén utilizaron o servizo para saber a que establecementos lles está permitido
abrir e cales son os prazos do novo calendario fiscal para pagar impostos e taxas.
Entre as chamadas máis frecuentes, encóntranse as referidas ao albergue
habilitado no Pavillón de Deportes de Riazor; a doazón de máscaras e material
sanitario; a suspensión da Zona ORA; a cancelación de espectáculos e o trámite
para devolver o importe das entradas; os horarios de transporte urbano e
metropolitano; e aclaracións sobre as distintas medidas sociais e económicas
tomadas polo Goberno local para paliar os danos desta crise sanitaria.
A veciñanza tamén quixo informarse estes días sobre a apertura ou non de servizos
dependentes do concello, do SEPE e da Seguridade Social e que trámites se poden
realizar nas súas dependencias.